Wednesday 15 de May de 2024

O Concello amplía as instalacións deportivas dos barrios co novo parque de calistenia do Ventorrillo


As instalacións, que contan cun circuíto orientado ao exercicio físico co propio peso corporal, xa están abertas e dispoñibles.

O Concello da Coruña rematou recentemente os traballos de instalación do novo parque deportivo de calistenia situado na rúa Alcalde Jaime Hervada, no barrio do Ventorrillo. Os concelleiros de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, de Deportes, Mónica Martínez, e de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Sobral, visitaron esta tarde as instalacións.

O parque, solicitado pola Asociación de Veciños do Ventorrillo, está orientado a potenciar a práctica deportiva e lúdica na contorna, integra un circuíto de barras metálicas, un muro de escalada e unha estrutura tipo banco para a realización de exercicios físicos co propio peso corporal do usuario ou usuaria. Hai, pois, tres zonas diferenciadas, todas elas de carácter inclusivo e ideadas para maiores de 13 anos. Ademais, instalouse un panel informativo nun dos accesos, con instrucións e consellos básicos sobre o uso no circuíto.

A base do parque é de area, cunha capa de 30 centímetros de espesor, proxectada para dispor de maior seguridade en caso de caída. Ademais, dispúxose un perímetro de madeira, con bordos arredondados, para acoutar o recinto.

Máis dotacións deportivas para o Ventorrillo e o barrio da Silva
A posta en marcha de novas zonas deportivas ao aire libre forma parte dos obxectivos fixados pola alcaldesa, Inés Rey, neste mandato. No caso do Ventorrillo, o circuíto de calistenia súmase a intervencións previas xa executadas no distrito, como é o caso da área biosaudable do centro cívico da Silva, rematada a comezos de agosto deste ano.

As intervencións para rehabilitar equipamentos deportivos na cidade
Durante o actual mandato, o Concello da Coruña acometeu, entre diversas obras, a reforma da pista polideportiva da Sagrada Familia. A maiores, outros traballos xa rematados foron odo cambio de cuberta e arranxos das instalacións da piscina de Riazor por 285.000 euros ou a reforma da pista central do Palacio dos Deportes de Riazor.

Nos barrios destacan o cambio do lucernario do pavillón do Barrio das Flores (48.315 euros), a reforma da fachada do pavillón de Os Rosales (39.527 euros), a construción da pista multideporte da praza da Tolerancia (152.150 euros), a pista deportiva de San Diego (8.574 euros), a rehabilitación dos chanzos do campo de fútbol de Agrela (20.406), a reforma da sala de boxeo e a reforma das portas polideportivas de Riazor (26.716 euros) ou as obras, aínda en execución, para levar a subministración eléctrica ás instalacións da Sociedade Deportiva As Xubias e o adecuación das instalacións do club na praia de Oza.